A princesa de Asturias, Leonor, vai ter que quedarse na casa apenas tres días despois de incorporarse á escola, tras o positivo por coronavirus dun dos seus compañeiros. A modo de solución o colexio privado, ao que asiste a herdeira á coroa, decidiu confinar a todos os nenos e nenas da clase. Pasarán 14 días en corentena e seguirán o curso de maneira telemática.
A orixe do contaxio aínda non está clara, pero todo apunta a que foi no ámbito familiar dun dos seus compañeiros. Nun comunicado que emitiu o Palacio da Zarzuela asegúrase que «ante a detección dun caso positivo de COVID-19 nun dos alumnos da clase, o centro escolar recomendou aos pais que os alumnos da clase non acudan preventivamente durante os próximos 14 días, e a expensas do que determinen as autoridades sanitarias da Comunidade de Madrid».
Comezar as clases de forma presencial, tras os meses de educación a distancia, é unha prioridade para todos os centros, e para o Colexio Santa María dos Rosales, onde a princesa estuda cuarto curso de Educación Secundaria Obrigatoria, non é unha excepción. Segundo fontes próximas, o persoal do centro someteuse a varias probas PCR antes do inicio de curso e ningún deles deu positivo.