O 112 Emerxencias Galicia pasaba unha alerta ás forzas de seguridade pasadas as 10 e media da noite deste xoves 13 de outubro. Un home acababa de ser, presuntamente, agredido no domicilio familiar por parte da súa muller cunha arma branca no peito. O punto indicado do suceso era o lugar de Bas, correspondente á parroquia carballesa de Goiáns. De inmediato foron mobilizadas dúas patrullas da Garda Civil e outras dúas de apoio da Policía Local, aínda que estás últimas non chegaron a intervir. Ao punto, de camiño, tamén se desprazou unha ambulancia asistencial do 061 que atendeu e evacuou ao home ferido ao centro de saúde de Carballo para prestarlle os primeiros auxilios. A esposa do ferido foi detida de inmediato pola Garda Civil e trasladada ao mesmo centro de saúde para un recoñecemento preventivo, de ahí aos calabozos da Benemérita no Cuartel de Carballo, ata que este sábado pasou a disposición xudicial, onde se decretou o seu ingreso en prisión.
40