O Concello de Cabana de Bergantiños presenta a súa ampla variedade de propostas culturais para esta primavera baixo o lema “No Tempo das Flores”. As actividades darán comezo cos bailes sociais que se desenvolverán a partir das 19.00 horas no centro de maiores os días 2, 16 e 30 de abril.
O 22 de abril a ciencia será a protagonista no Dolmen de Dombate cunha xornada de xestión de patrimonio con ruta guiada ata o Castro de Borneiro. As persoas interesadas poderán inscribirse do 10 ao 18 de abril. O xoves, 27 de abril, farase unha excursión á Illa de Ons e Sanxenxo para maiores de 60 anos. Inscricións do 11 ao 14 de abril acudindo presencialmente ao departamento de Servizos Sociais do concello.
Xa en maio, o dolmen de Dombate acollerá a exposición ‘Galicia Monumental’, e o día 6 deste mes terá lugar a XXII Xuntanza dos Maiores no pavillón municipal ás 14.00 horas, destinada ás persoas de 65 anos ou maiores empadroadas en Cabana de Bergantiños.
Pola súa parte, a Casa do Pendón acollerá ás 17.00 horas do venres 12 de maio o ‘Encontro de Xuventude’, no que se porán en común experiencias do programa Erasmus coas alumnas Yashlin Elvira Silva Insua e Gloria Laura Wessels, do Colexio Internacional ‘Portus Groene Hart’. É necesaria inscrición previa.
Un días máis tarde, o xoves 13, levarase a cabo a expedición botánica ‘Buscando tesouros naturais’, que comprenderá un itinerario polo Rego dos Muíños con saída desde a praza do Lodeiro ás 17.00 horas. Inscricións do 2 ao 10 de maio.
O 17 de maio, Día das Letras Galegas, a programación incluirá unha xornada temática na Escola de Vela desde as 11.00 horas con lectura de poemas de Francisco Fernández del Riego e coa participación do alumnado da escola municipal de teatro, a poeta Matilde Milariño, Son de Cabana e a actuación teatral ‘A Fada que non Quería ser Fada’, do Grupo Trémola. Inscricións do 2 ao 12 de maio.
Finalmente o sábado 27 de maio celebrarase o festival “Festigual. Diversamente Iguais”, organizado pola Asociación íntegro, en horario de 12.00 a 20.00.