A programación das Letras Galegas contará con variedade de actividades para divulgar o legado de Xela Arias


Durante a presentación da programación que tivo lugar no IES Castelao de Vigo, onde estudou a propia Xela Arias, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, subliñou o carácter excepcional que terán novamente as celebracións no actual contexto sanitario que demostran que “a cultura volve con forza”. Como engadiu, trátase dunha programación “completa e variada” que fará posible divulgar en Galicia e fóra dela o “enorme legado” de Xela Arias, unha muller, afirmou, “pioneira, moderna, transgresora, comprometida, feminista e precursora”.

O conselleiro salientou o acertado de ter escollido unha figura como Xela Arias, da que, dixo, foi sinónimo de modernidade e transgresión e desenvolveu unha obra poética e literaria fóra dos convencionalismos da época. “Rompeu moldes nas nosas letras cunha linguaxe poética urbana, vangardista e anovadora”. Salientou tamén a súa faceta como creadora, editora, mestra e tradutora, traducindo ao galego algúns dos clásicos da literatura universal.

Na rolda de prensa participaron, ademais do conselleiro, o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez Blanco; o director de Proxección Social da CRTVG, Xaime Arias, e parte da súa familia como a súa nai, Amparo, e o seu irmán Lois, o seu fillo Darío Gil Arias ou a súa parella Xulio Gil.