A programación de verán arranca na Laracha co campus de fútbol

Presentación del Campus de Fútbol en el campo municipal de A Laracha_Cedida

  • O prazo de inscrición permanece aberto en gran parte das propostas infantís e xuvenís

A primeira das propostas incluídas no programa municipal de verán no concello da Laracha xa está en marcha. Este luns arrancou o campus de fútbol que se leva a cabo por décimo terceira vez. Os sesenta participantes foron divididos por grupos de idade: os de cinco a dez anos realizaron a actividade no campo municipal da Laracha e os de once a dezaseis anos no campo A Porta Santa de Paiosaco. En ambos casos o campus celebrarase a diario ata o venres en horario de 10:30 a 13:30 horas.

O Concello asume integramente os gastos da actividade, realizada baixo monitores especializados e coa práctica do fútbol como marco referente. Neste primeiro día os participantes recibiron a visita do alcalde, José Manuel López Varela, e dos concelleiros Rocío López e Pablo Cambón.

O prazo de inscrición continúa aberto na maior parte das actividades. Soamente están pechados en aquelas que teñen todas as prazas outorgadas por orde de inscrición cubertas (karts, surf infantil e paintball infantil) e no campamento summer camp. Neste último, as prazas que estaban dispoñibles ata este luns serán adxudicadas nun sorteo público o mércores, ás 12:00 horas, na Casa da Cultura da Laracha.

Actividades dispoñibles

Tanto acudindo ao Concello como cubrindo o formulario dispoñible na web municipal, as persoas interesadas aínda poden apuntarse en diferentes actividades segundo a súa idade. No ámbito infantil continúa aberto o prazo para inscribirse campus de baloncesto (26 ao 30 de xullo no pavillón municipal da Laracha), Humor Amarelo na Coruña (14 de xullo), inchable banana acuática en Gandarío (3 de agosto) e a visita ao museo etnolúdico de Ponteceso (20 de agosto).

Para o público xuvenil e adulto aínda hai prazas dispoñibles en todas as actividades: barranquismo no río Almofrei (5 de agosto), kaiak e paddle surf en Gandarío (12 de agosto), Humor Amarelo na Coruña (17 de agosto), surf en Caión (26 de agosto) e nos obradoiros de beatbox, breakdance e freestyle football que terán lugar o 10 de setembro na Laracha durante a celebración da xornada de cultura urbana.