A promoción turística de Galicia en Fitur 2026 xira ao redor da marca país Galicia Calidade

4 minutes read

A Xunta de Galicia regresa a Fitur cun novo stand que se articula baixo a clave e marca país ‘Galicia Calidade’ e que abarcará unha superficie total de 1.138,5 m2, un 14% máis que na edición anterior. O espazo que estará situado no Pavillón 9, remite co seu lema á excelencia como factor definitorio de Galicia como destino turístico, así como aos valores e recursos da comunidade neste ámbito. Trátase dunha serie de atributos, como autenticidade, identidade, sostibilidade, natureza, enogastronomía, cultura e clima, que caracterizan Galicia como un destino único e experiencial.

No seu deseño primouse unha estética sobria e elegante, de liña sostible, a través da que acoller ás persoas visitantes e levalas máis aló do visual, aproximando á reflexión e á conexión. Así, emprega solucións envolventes para  fomentar a inmersión, a interacción e a vinculación íntima -como o ceo de arte dixital, máis de 50 pantallas verticais que proxectan imaxes en movemento dende o teito do posto, ou o uso de materiais efecto espello, que integran a quen pasee polo stand co espazo-.

Na construción empregáronse materiais de alto rendemento ambiental, como paneis e mobiliario de fibra elaborados a partir da reciclaxe de máis de 52.000 botellas de PET (até 75 botellas por metro cadrado), co que se traslada o compromiso coa sustentabilidade. Trátase ademais dun elemento fonoabsorvente, que facilita a redución da contaminación acústica e contribúe á parte inmersiva.

Función e programación

A idea é que este espazo se consolide na súa dobre función, tanto para público profesional como xeral. Os tres primeiros días da feira serán en exclusiva para o primeiro dos públicos, durante os que as instalacións acollerán as distintas presentacións de destino e servirán de punto de encontro e plataforma para favorecer as relacións comerciais e abrir oportunidades de negocio.

Haberá ademais módulos informativos dedicados á oferta turística xeral de Galicia, con énfase en modalidades como o turismo termal, o activo e o náutico, espazo para establecementos turísticos co selo de Galicia Calidade, Q de Calidade e S de Sostibilidade, as catro provincias galegas e as sete principais cidades e eventos como o eclipse solar de agosto de 2026, do que Galicia será a porta de entrada. O Camiño de Santiago centrará tamén gran parte da atención como adianto do que será o vindeiro Xacobeo 2027.

Dentro das actividades e contidos previstos na programación destinada a dinamizar o espazo englóbanse arredor de 50 presentacións de produtos e recursos turísticos galegos, entre os que destacan a propia marca país Galicia, Calidade, o Camiño do Litoral, o programa Galicia Spa Pilgrimage, a difusión de recursos como o Camiño Portugués da Costa inclusivo, o 800 Aniversario da Consagración da Catedral de Tui, Concertos do Xacobeo ou Trens Turísticos. Reforzaranse accións como a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade ou os Entroidos do Oriente Ourensán, declarados en 2025 Festa de Interese Turístico Nacional.

Ademais, desenvolveranse iniciativas como degustacións gastronómicas de xeados  con selo Galicia Calidade e a abrirase tamén unha Aula Gastro, accesible previa reserva, con demostracións culinarias levadas a cabo por profesionais da cociña galega, catas comentadas, showcooking, etc, de produtos con selo Galicia Calidade ou das denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas da comunidade.

Estas dúas  propostas – as degustacións e as demostracións culinarias- estarán abertas tamén para o público xeral, polo ue na fin de semana a zona de traballo de profesionais reconverterase nun salón de té de camelia, no que se poderán degustar estas infusións producidas ou elaboradas en Galicia. Tamén durante sábado e domingo, as persoas visitantes gozarán de actuacións musicais e tamén de mostras de baile tradicional. 

Fitur

En 2026 celébrase a 46 edición de Fitur, a primeira cita anual como evento global para o sector turístico a nivel mundial. O evento abrirá as súas portas do mércores 21 ao venres 23 de xaneiro para profesionais, en horario de 10 a 19 horas. O público xeral pode visitala  sábado 24 de 10 a 20 e domingo 25 de 10 a 18 horas. Estarán presentes máis de 156 países e 9.500 empresas. A organización prevé a asistencia de arredor de 155.000 profesionais, a quen se sumarán 100.000 persoas durante a fin de semana.