A provincia de Pontevedra alcanza os 23 concellos emprendedores tras a incorporación da Guarda


Un total de 23 municipios da provincia de Pontevedra xa son Concellos Emprendedores tras a adhesión da Guarda. Con esta distinción súmase ao obxectivo de poñer facilidades ao investimento empresarial para impulsar a reactivación económica e, polo tanto, ofrecer máis axilidade na tramitación administrativa, no acceso ao solo industrial e maiores incentivos fiscais.

Galicia conta actualmente con 149 Concellos Emprendedores: aos 23 de Pontevedra, súmanse 66 na provincia de Ourense, 38 na Coruña e 22 en Lugo. Todos eles recollen o espírito da nova Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica aprobada a principios deste ano no Parlamento galego e contribúen, así, a implantar unha nova cultura administrativa en Galicia para eliminar trabas burocráticas, intensificar a simplificación dos trámites e apoiar a implantación de novos proxectos empresariais. O principal obxectivo desta iniciativa é trasladar confianza e seguridade xurídica ao tecido económico e, nese sentido, cómpre sinalar que, como novidade, a nova lei fixa un prazo de tres meses para a emisión de informes por parte da Xunta e amplía os supostos de iniciativas empresariais prioritarias.

Para ser Concello Emprendedor, as administracións locais, unha vez aproban nos seus respectivos plenos a modificación das ordenanzas correspondentes, teñen que adherirse ao convenio asinado entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para colaborar na captación de investimentos para Galicia.