Baixo o selo ‘A provincia que sabe’, a Deputación da Coruña, a través da súa área de turismo, leva a cabo showcookings, degustacións, exposicións e ata unha queimada. Todo, da man de cociñeiros, profesionais e produtores locais, que aproveitan o escaparate que supón este gran evento gastronómico para exhibir o seu bo facer.
«Nun Fórum repleto de xente, con moito público profesional que vén na busca de novas e diferentes maneiras de elaborar o produto», apuntaba o vicepresidente da Deputación e deputado de turismo, Xosé Regueira. «Para os produtores é moi interesante participar neste tipo de eventos moi especializados, onde se valoran especialmente os produtos moi vinculados aos territorios» afirma Regueira. «Ademais de darlles visibilidade, atopan novas oportunidades de negocio e posibilidades de crecemento».
A Deputación inauguraba así o seu stand deste ano no Fórum Gastronómic, cunha programación que seguirá o mesmo formato. Durante os 3 días, representaranse catro xeodestinos (Ría de Muros – Noia; Costa da Morte; Ferrolterra e As Mariñas) da man de cociñeiros, produtos e empresas que os representan gastronómica e socialmente.