A quenda de Ponteceso marca o récord de inscritos na Campaña de Vela da Deputación


A deputada de Deportes, Cristina Capelán, e o alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido, deron a benvida no Porto de Corme aos participantes da cuarta quenda da Campaña de Vela 2022 da Deputación, a máis numerosa ata o de agora en canto a inscricións, con 32 mozas e mozos anotados, 16 na quenda de mañá e outros 16 na de tarde.

Esta iniciativa, na que participan preto de 200 nenos e nenas de distintos municipios costeiros da provincia ao longo dos meses de xullo e agosto, inclúe a iniciación nos conceptos teóricos de náutica e coñecementos básicos de nodos mariños con prácticas de navegación a vela.

Ponteceso acolle, ata o 12 de agosto, a cuarta quenda dos cursos e durante esta semana un total de 32 escolares de 9 a 17 anos dos municipios da comarca de Bergantiños aprenderán a navegar en embarcacións a vela.