O auxe dos contaxios na que xa se denominou a quinta onda da pandemia levou a España a superar de novo os 500 casos por 100.000 habitantes de incidencia, unha noticia que chegou a oídos dos principais emisores de turistas estranxeiros que, nalgúns casos como o de Francia ou Alemaña, xa desaconsellan viaxar ao país e, noutros como Países Baixos ou Reino Unido, sitúannos en zona de risco e piden test negativos a aqueles que non están vacinados ou non conten con anticorpos.
A situación lembra á vivida hai un ano, cando en plena campaña de verán os casos comezaron a multiplicarse, o que deu ao traste coa ansiada recuperación do sector turístico, un dos máis castigados desde a irrupción da pandemia. O presidente da Mesa do Turismo, Juan Molas, asegura que a campaña de verán está “en perigo e grave risco” porque non está a haber unha política de comunicación adecuada e porque se actuou de forma lenta e pouco eficiente.