O pleno do Senado español falou con contundencia no relativo á creación dunha comisión especial de estudo para a implantación da DAB+ en España. Se en 2018 foron os votos en solitario do PP os que rexeitaron a creación desta comisión, agora foi o PSOE quen rexeitou a Proposición de Lei de Medidas Urxentes para o impulso da radiodifusión sonora dixital terrestre no Pleno do Senado celebrado este mércores 4 de novembro de 2020.
Este foi o resultado final da votación do pleno do Senado: síes, 39; nons 219; abstencións 15 (cun total de 263 votos telemáticos).
«Non comprendemos como o PSOE, a pesar de asegurar que apoiarían o plan de desenvolvemento da DAB+ de 2011, rexeita agora unha Lei Marco para dixitalizar o medio como está a facer xa a nosa contorna europea», destaca Carlos Maudet, portavoz de Compromís no Senado, grupo que presentou unha Proposición de Lei. Ademais lembrou que «son numerosos os oíntes da radio que piden máis pluralidade informativa, máis calidade sonora e servizos na radio para garantir o seu futuro» e remarcou que «a proposta de Compromís, superou a fase de alternativas sen reparos e conta co apoio do Foro Mundial da Radio».
O senador reprochou aos socialistas que leven once anos sen mover un dedo en materia de radio dixital. «Mentres en Europa crece a un ritmo anual do 8% e ten xa case 1.400 emisoras privadas emitindo con moi bos resultados, aquí o PSOE resístese a admitir unha toma en consideración e debe explicar por que se resiste a iso ou para quen traballa, pois é inexplicable», resaltou.
«O do PSOE é serio e grave pois censuraron abrir a tramitación dunha Lei que podía modificarse e mellorarse na fase parlamentaria, a pesar de non presentar nin unha soa emenda e de existir un período transitorio entre as distintas tecnoloxías como ocorreu coa TDT e cando o seu Goberno promoveu en 2011 un Plan Técnico», lamentou.
O portavoz de Compromís lembrou o esgotamento da FM actual e do espectro nas grandes cidades e a necesidade de adaptarnos ás tecnoloxías dixitais tras nove anos de inacción nesta materia e de recorte de cobertura da DAB.
«A Directiva europea obriga xa a incorporar radios dixitais en coches e autobuses a partir do próximo decembro e aquí seguiremos sen emisoras, nin concesións a pesar que en Europa vendéronse case 60 millóns de receptores que custan a partir dos 20 euros, polo que non entendemos esta negativa antievolucionista que nos converte en illa tecnolóxica de Europa», agregou Mulet.