A RAG concede o I Premio ‘Na lingua que eu Falo’ ao CEIP Milladoiro de Malpica de Bergantiños

2 minutes read
  • A Real Academia Galega celebra o Día Europeo das Linguas cun novo galardón ás iniciativas que promoven o galego na infancia.

O Premio Na lingua que eu falo nace ao abeiro de Primavera das Letras, o proxecto web da Academia dirixido ao público infantil, que desenvolve desde 2016 co apoio da Deputación da Coruña. O galardón toma o seu nome dun verso da obra fundacional das letras galegas contemporáneas, os Cantares gallegos de Rosalía de Castro, que resalta a importancia que ten en concreto, dentro dese vivir e expresarse na nosa lingua, a práctica oral do galego entre as novas xeracións, protagonistas do futuro deste don colectivo. 

A concesión do I Premio Na lingua que eu falo ao CEIP Milladoiro de Malpica de Bergantiños é, nesta liña, “un galardón, en primeiro lugar, ao bo facer do profesorado”, salienta o presidente da Academia, Henrique Monteagudo, no anuncio remitido ao centro. “E tamén é un premio ao conxunto da súa comunidade educativa, rapaces e rapazas, nais, pais, avós e avoas e persoal dos servizos complementarios da escola”, prosegue. “Este colexio actúa ademais nesta ocasión como representante dunha comarca, a de Bergantiños, que serve a toda a sociedade galega de espello no que se mirar. Terra orgullosa da nosa fala onde atopamos os mellores datos de transmisión interxeracional do idioma, do tesouro que conservaron e nos transmitiron as cantareiras ás que este ano a Academia, e Galicia enteira, quixemos renderlles homenaxe co gallo do Día das Letras Galegas”, valora así mesmo o presidente da RAG, Henrique Monteagudo.

“Con este premio queremos proxectar a lingua cara ao futuro, reforzando os seus piares entre a xente miúda e recoñecendo, nesta primeira edición, o exemplo intelixente do CEIP Milladoiro, onde o galego se aprende, se usa e se ama, sen prexuízos nin complexos”, abunda a académica de número Fina Casalderrey, responsable do proxecto Primavera das Letras que lle dá acubillo. “Os nenos e nenas de Malpica demostran en todo o que fan que o galego é útil, unha ferramenta creativa para hoxe e para o futuro”, valora.