A rapazada de Carballo poderá celebrar o Día do Mercado cun obradoiro de cociña

Cedida

  • Trátase dunha iniciativa municipal que complementa a campaña internacional Quere o teu mercado e cuxo obxectivo é visibilizar os mercados nas vilas

Carballo participa un ano máis na campaña internacional Quere o teu mercado, coa que se pretende apoiar, promocionar e visibilizar o papel dos mercados nas vilas, fomentando así a compra do produto local e a profesionalidade dos praceiros e praceiras.

Tras dous anos de parón pola pandemia, a asociación WUWM (World Union of Wholesale Markets) retomará esta iniciativa o venres 27 de maio, Día do Mercado, que en Galicia está promovida pola Dirección Xeral de Comercio e Consumo da Xunta en colaboración cos concellos.

En Carballo, ademais do reparto do material promocional xeral da campaña, a Concellaría de Feiras e Mercados complementa a celebración cun obradoiro de cociña saudable para a rapazada que se desenvolverá o sábado 28, de 11.00 a 12.30 horas, no propio Mercado Municipal. A actividade vai dirixida a nenos e nenas de 6 a 10 anos e hai un máximo de 15 prazas que se cubrirán por orde de solicitude. As inscricións son gratuítas e poden realizarse neste formulario.

Os nenos e nenas participantes elaborarán e degustarán un menú saudable con produtos que poden atoparse no Mercado Municipal de Abastos.