- Impartiranse actividades de mecanografía, robótica, ofimática e familiarización co procedemento de emprego do DNI electrónico
Na aula CeMIT do Concello de Vimianzo comezaron os cursos de informática que se realizarán durante estes meses de verán. O programa lectivo é amplo, impartíndose actividades de mecanografía, robótica, ofimática e mesmo familiarización co procedemento de emprego do DNI electrónico.
As clases de mecanografía desenvolveranse durante xullo e agosto. Ao haber dous grupos, uns irán en horario de 10:00 a 11:00 horas e outros de 12:30 a 13:30 horas. A duración do curso é de 40 horas e está dirixido á rapazada nada entre o 2003 e o 2013.
As actividades sobre robótica tamén terán lugar durante estes dous meses, aínda que se realizarán os luns e mércores de 11:15 a 12:15 horas. Neste caso, o curso está dirixido a rapaces nados entre o 2005 e o 2013.
Aqueles participantes que naceron entre o 2001 e 2010 poden aprender leccións de ofimática. O horario é o mesmo que no anterior, aínda que se levará a cabo os luns, martes e xoves. A duración deste curso é de 12 horas.
Para finalizar, a actividade de aprendizaxe para empregar o DNI electrónico terá unha duración de 2 horas lectivas, e está dirixida a rapazada nada entre o 1991 e o 2005. Desenvolverase de 10:00 a 12:00 horas o día 31 de agosto.