A Real Academia Galega e o Concello de Zas presentarán o 6 de febreiro o libro Toponimia de Zas

A Real Academia Galega e o Concello de Zas presentarán o vindeiro venres, 6 de febreiro, ás 20:00 horas, a obra ‘Toponimia de Zas’, da autoría de Xosé María Lema Suárez. O acto terá lugar no Auditorio de Baio, con acceso libre ata completar a capacidade da sala.

Xosé María Lema Suárez é un autor vencellado de maneira continuada ao Concello de Zas e é, xunto con Evaristo Domínguez, coautor do libro ‘Zas polo Miúdo’. Ambos os dous son colaboradores do Concello de Zas participando en distintos proxectos culturais e editoriais ligados á posta en valor da historia, da lingua e do patrimonio local.

Esta nova publicación convértese no sexto libro impulsado co apoio do Concello de Zas, sumando tanto as edicións propias como as colaboracións municipais en proxectos editoriais, unha liña de traballo que reflicte o compromiso coa promoción da cultura e da lingua galega.

No acto intervirán, ademais do autor, presentado por Evaristo Domínguez, o alcalde de Zas, Manuel Muíño Espasandín; Antón Santamarina, membro do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega; e Ana Boullón, da Asociación Galega de Onomástica.

‘Toponimia de Zas’ forma parte da colección Terra Nomeada da Asociación Galega de Onomástica da Real Academia Galega e afonda nas orixes etimolóxicas de 117 lugares e máis de 20 espazos xeográficos da comarca da Terra de Soneira, contribuíndo á preservación e difusión do patrimonio inmaterial do territorio.

O alcalde de Zas, Manuel Muíño, destacou que “accións coma esta amosan o compromiso do Concello por promover a cultura galega e a posta en valor da nosa lingua”, animando á veciñanza a participar neste acto e a coñecer máis a fondo a historia e o significado dos nomes da súa terra.

Related posts

A Deputación da Coruña recibe máis de 330 solicitudes nas convocatorias de axudas de Política Social

O PP de Malpica traslada unha mensaxe de tranquilidade sobre a situación do Centro de Saúde de Buño

O paso da borrasca Joseph deixou máis de 1.200 incidencias rexistradas no 112 Galicia