O Salón de Actos Culturais do Concello de Laxe acolleu este venres unha conferencia da Armada da Unidade de Buceo de Ferrol. O delegado en Galicia da Real Liga Naval Española, o laxense José Manuel Pato, foi o moderador desta cita que se levou a cabo aproveitando a escala do patrulleiro Tabarca no porto de Laxe, así como da unidade de buceo de Ferrol. Na charla participou D. Ángel Lozano Gálvez, xefe da Unidade de Buceo da Armada, quen informou ao público sobre a Unidade de Buceo de Ferrol: o persoal que a compón, capacidades e principais misións, entre outros. Tamén tomaron a palabra Miguel San Claudio Santa Cruz, doutor en Arqueoloxía Subamarina e D. Fernando Molina, xefe da Unidade de Buceo.

Asistiron membros da corporación municipal así como o patrón maior da confraría. Esta actividade desenvolveuse en paralelo a unha xornada de portas abertas para coñecer o Tabarca, con base en Marín e que exerce desde o ano 1981, previa solicitude por parte do Concello. As persoas interesadas en descubrir máis sobre o navío puideron achegarse ao mesmo de 10:00 a 13:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas. Ao remate da conferencia as persoas relatoras e demais asistentes achegáronse ata o Museo do Mar de Laxe para coñecer un pouco máis do arquivo fotográfico Vidal, así como da cultura e historias do municipio e a Costa da Morte.