- O punto limpo está a disposición do público no Formigueiro, e tamén se presta o servizo de recollida de voluminosos a domicilio
Durante o ano 2021 no concello da Laracha xestionáronse 4.313 toneladas de residuos sólidos urbanos, das que 3.855 corresponderon ao contenedor da fracción resto. Así o reflicten os datos aportados polo centro de emprego Coregal, pertencente a Cogami, empresa concesionaria do servizo de recollida e transporte de residuos sólidos urbanos na localidade larachesa así como a xestión do punto limpo municipal.
Como dato significativo cabe salientar a recollida de preto de 125 toneladas de orgánicos depositados no contedor marrón, implantados nos núcleos urbanos da Laracha, Paiosaco e Caión e na urbanización Monte Claro de Cabovilaño. Entre familias e establecementos comerciais actualmente hai uns seiscentos usuarios destes colectores que están dados de alta no programa Ti tes a chave. Calquera persoa que se anote no Concello recibirá de xeito gratuíto a chave que abre os recipientes, un cubo ventilado e bolsas compostables.
Tamén se incrementou o material recollido nos contedores amarelos para envases lixeiros, con 155 toneladas no ano pasado. Este aumento, sinalan desde Coregal, está motivado «pola maior concienciación da veciñanza» e tamén pola «progresiva ampliación da cobertura nos principais núcleos rurais pola que está a apostar o Concello».
Pola súa parte, nos iglús verdes de vidro xestionáronse 119 toneladas e de papel e cartón un total de 59, das cales 45,5 foi material depositado polos cidadáns nos colectores azuis e outras 13,5 recollidas mediante o servizo porta a porta que se presta aos establecementos comerciais.
Ademais, nos contedores laranxas para o depósito de aceites domésticos que están implantados nos tres núcleos urbanos e na urbanización de Cabovilaño desde mediados de agosto foron recollidos 1.890 quilos. O correcto tratamento deste tipo de residuo evitou a contaminación de 2.079.000 litros de auga. A súa transformación en biocarburante tamén posibilitou a redución de 5,67 toneladas de emisións de dióxido de carbono (CO2).
En canto ao punto limpo, os datos achegados corresponden aos últimos cinco meses do ano, xa que Cogami é concesionaria da súa xestión desde finais do pasado mes de xullo. As cifras máis significativas son as seguintes: 10,7 toneladas de ferralla, 7 toneladas de aparatos electrónicos, 3 toneladas de electrodomésticos, 4,1 toneladas de monitores e pantallas, 7,5 toneladas de plásticos de uso agrícola, 1,1 toneladas de pintura, 13,5 toneladas de materiais de difícil reciclaxe e 120 quilos de pilas.
O punto limpo é un servizo totalmente gratuíto para os usuarios situado xunto á ponte do Formigueiro, moi preto do casco urbano da capital municipal. Está aberto ao público os luns, mércores e venres pola tarde e os sábados en horario de mañá.
Ademais, o servizo de recollida de voluminosos a domicilio tamén se ofrece de xeito gratuíto chamando ao teléfono 900701120.