Así se desprende dos datos que manexa a entidade Ecoembes, organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país e que desde hai anos coopera coa Xunta co fin de mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos. Tendo en conta só os datos que dependen de Ecoembes, o ano pasado remitíronse a instalacións recicladoras para darlles unha nova vida 73.744 toneladas de envases lixeiros e de papel-cartón en toda Galicia, 4.451 toneladas máis que en 2021. Estas cifras proceden maioritariamente dos residuos que se depositan nos contedores de cor amarela (destinados a recipientes de plástico, metal e briks) e nos azuis (papel-cartón) e en menor medida, daqueles que se recuperan nas plantas de tratamento da fracción resto. Para facilitar a separación en orixe dos envases lixeiros e de papel-cartón, os galegos dispoñen de 38.744 contedores amarelos e de 15.599 azuis repartidos por toda Galicia, ademais de contar con 2.200 puntos de reciclaxe (papeleiras de cores) instalados en lugares de gran afluencia, como poden ser instalacións deportivas, aeroportos, oficinas, bares ou restaurantes. En todo caso, esta rede de recollida segue reforzándose de forma continua e, en concreto, o ano pasado instaláronse case 1.500 novos contedores amarelos e azuis de forma que a día de hoxe Galicia conta con un destes dispositivos por cada 50 habitantes.
37