A reciclaxe de plásticos e latas aumentou preto dun 13% en 2020

Imaxe do símbolo da reciclaxe

Cada galego reciclou o ano pasado ao redor de 15 kg de envases lixeiros (plásticos, latas e briks) no contedor amarelo. Así o avanzou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que a falta dos datos definitivos de 2020, indicou que se prevé un incremento de aproximadamente un 13% nas taxas de reciclaxe deste tipo de residuos.

Puxo estas cifras como exemplo da boa evolución que ten experimentado na Comunidade a recollida selectiva ao longo dos últimos anos. “Galicia recicla cada vez máis e mellor”, subliñou a conselleira, salientando o compromiso e o esforzo demostrados pola cidadanía co medio ambiente a través de xestos cotiás como a separación dos residuos domésticos.

Neste sentido, lembrou que a evolución positiva das taxas de reciclaxe na Comunidade tamén se percibe no caso do contedor azul, cunha media estimada de 15 kg de papel e cartón depositados por cada galego durante o ano pasado, e todo apunta a que Galicia manterá á tendencia de incremento da reciclaxe dos últimos cinco anos, cunha estimación total de 70.000 toneladas recollidas o ano pasado a través dos contedores amarelo e azul.

Cabe destacar o importante papel que xogan as entidades locais a este respecto, colaborando na concienciación da veciñanza e na mellora das taxas de reciclaxe a nivel local a través da participación en campañas como Únete ao reto, impulsada pola súa Consellería co apoio de Ecoembes. Un compromiso municipal que, de feito, quixo poñer en valor en vésperas do Día mundial da reciclaxe, que se celebrará o vindeiro 17 de maio.