A recuperación do mosteiro de San Salvador de Camanzo, en Vila de Cruces, será unha realidade

2 minutes read

O conselleiro de Cultura, Educación e Universitaria, Román Rodríguez, visito o mosteiro de San Salvador de Camanzo, en Vila de Cruces, onde anunciou un investimento de arredor de 300.000€ para recuperar este conxunto. Tal e como sinalou, esta intervención é previa á elaboración dun Plan Director a través do que se pretende acadar unha conservación sostible do mosteiro e atopar novos usos para o seu desfrute por parte do público. A intervención, cuxas obras está previsto licitar ao longo deste ano, teñen como obxectivo “dotar ao conxunto de seguridade estrutural e facilitar a visita pública ao monumento en tanto non se determinen os seus novos usos a través do Plan Director”. No caso concreto da igrexa, a intervención contempla traballos de conservación e mantemento dos seus sistemas construtivos, corrixir os efectos de deterioro ocasionados pola humidade e a reparación das súas causas.

Para o resto do conxunto, a obra inclúe a limpeza xeral de todos os muros do patio, da contorna das edificiacións e da zona do atrio, garaxe e sancristía; a desmontaxe de parte do actual forxado da casa reitoral para a súa posterior restauración seguindo as técnicas construtivas tradicionais, e a colocación de iluminarias no patio do claustro mediante lámpadas tipo led.

Tamén se proxecta a conservación dos edificios auxiliares de uso agrícola e fornos abertos ao patio, do ámbito relacionado coa antiga cociña, a revisión da estrutura do corredor exterior e a limpeza, acondicionamento e conservación do patio e da viña que o cobre. Neste caso, prestarase especial atención ao tratamento fitosanitario da vide, repararase o seu apeo vertical e de ser necesario aplicarase o tratamento preventivo necesario para garantir a súa pervivencia.

Así mesmo, a actuación abrangue a restauración das portas que dan ao patio, a reparación das humidades que aparecen na esquina da ábsida da igrexa e a colocación dunha gárgola de chumbo que manteña seca a fachada da igrexa e a retirada dos elementos de formigón que se atopan no lagar.

A maiores, rexistraranse e farase inventario dos elementos, obxectos, aveños e pezas de interese etnolóxico, histórico, artístico e relixioso que se conservan na propiedade, especialmente nos locais de uso agrícola vinculados ao patio.