Un ano máis, a Rede CeMIT celebra o Día Mundial de Internet o 17 de maio, cunha programación especial de actividades durante a segunda quincena de maio, que se suma ás iniciativas que diariamente se realizan desde a Rede CeMIT na que se ofrecerán máis de 240 actividades e 2.000 horas de formación.
As actividades programadas desde a Rede CeMIT con motivo deste día teñen como finalidade sensibilizar á sociedade galega sobre as posibilidades do uso da internet e así como da redución da fenda dixital e do fomento do uso seguro e responsable.
Grazas á colaboración dos aliados dixitais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020 e á labor dos responsables das aulas CeMIT, entre o 15 e o 31 de maio, xunto coa programación habitual, ofrecerase un catálogo de actividades orientadas a nenas e nenos e adultos achegándolles ao eido da robótica, á seguridade en internet e ao uso de diferentes servizos dixitais.
Actividades programadas
Ao longo da segunda quincena do mes de maio están previstos a celebración de dous talleres de robótica educativa que serán impartidos polo aliado dixital Altia e que terán lugar nas aulas CeMIT de Padrón e Ames.
A Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG), tamén en calidade de aliado dixital, realizará dúas charlas sobre fake news e a seguridade na rede na aula CeMIT de Lugo e na aula CeMIT de Redondela, desde onde se retransmitirá por videoconferencia a outras aulas CeMIT.
Desde a aula CeMIT de Abengondo, o aliado dixital Serbelt Consultores, realizará un taller dirixido a particulares e autónomos sobre facturación con solución de código aberto.
Adicionalmente, de forma online, póñense a disposición dos cidadáns unha gran variedade de cursos a través da Plataforma de teleformación EMA (Espazo Multimedia de Aprendizaxe).
O único requisito para poder asistir a todas estas actividades gratuítas e programadas nas aulas CeMIT é solicitar praza na localidade de interese, ben directamente na aula CeMIT de cada concello ou a través da web http://cemit.xunta.gal.