Os 1.408 espectáculos que programan os concellos neste 2022 e primeiro trimestre do 2023, correspóndense cunha achega total da Deputación da Coruña de 1.509.836,71€ que, en palabras do deputado de Cultura, Xurxo Couto «consolidan a Rede Cultural como un circuíto sólido, estable e comprometido coa cultura ao vivo no territorio».
Propostas escénicas, audiovisuais, música, danza, ou maxia conforman a oferta que a Rede Cultural da Deputación da Coruña programará nos concellos. Por modalidades, serán 198 películas do programa «Visións»; 174 actuacións da modalidade «Lingua a escena» destinada á promoción do galego a través da cultura; 112 do programa ‘Alicerce’ que se corresponde propostas de cultura non profesional e, o groso do programa, un total de 924 actuacións de artistas e compañías profesionais das que 522 son obras teatrais, 299 concertos musicais, 65 espectáculos de maxia e 38 de danza.
Convén lembrar, que a Deputación asume un total do 75% do orzamento das actuacións da Rede Cultural en concellos de menos de 5.000 habitantes, un 60% nos que van até 20.000, un 50% dos que teñen de 10.000 a 20.000 habitantes, un 40% no seguinte tramo até 50.000 e finalmente un 30% é a achega da institución nas tres cidades que superan 50.000 habitantes.