Desde esta semana, xa están operativas a estación do Parque da Cega, en Meicende, clasificada como de tipo industrial suburbana e asignada á empresa Repsol; e tamén a da Escola de Música de Burela, unha instalación de fondo rural xestionada por Alcoa-San Cibrao que vén substituír á situada no Monte Pedrouzo, ofrecendo unha localización moito máis vantaxosa, en pleno núcleo urbano.
Ambas estacións cumpren coa función de protexer a saúde das persoas. De feito, están asignadas a Alcoa e a Repsol xa que polos seus propios procesos produtivos, son susceptibles de afectar á calidade do aire da súa contorna polo que se realiza un seguimento a tempo real da súa actividade a través deste tipo de instalacións.
Deste xeito, o complexo industrial de Alcoa-San Cibrao conta coas estacións de Río Cobo e de Xove, ás que se vén de sumar desde hai uns días a da Escola de Música de Burela, situada a uns 8 km ao este da fábrica. En canto a Repsol, a nova instalación do Parque da Cega reforzará a de Pastoriza e a do Centro Cívico, todas elas en Arteixo. A nova estación está situada ao sueste do complexo industrial de Repsol, a apenas 500 metros.
Son as propias instalacións industriais as encargadas de realizar o mantemento das estacións de control que teñen asignadas, mentres que os técnicos da Rede realizan un sistema de seguimento das estacións privadas para que subministren a información referente á calidade do aire cos mesmos estándares que as instalacións públicas, é dicir, os esixidos na normativa.
Cómpre recordar que a Rede de Calidade do Aire de Galicia está integrada por un total de 49 estacións de control fixas e móbiles das cales 15 son de titularidade pública e as 34 restantes, privadas.
Todas estas estacións —que abranguen distintas tipoloxías, como de tráfico, industriais e de fondo— avalían diferentes factores que afectan á calidade do aire, dependendo da súa situación e da poboación á que representan.