A Rede de Cidades que Camiñan destaca a xestión municipal na implantación de Coruña 30


Logo dunha posta en común virtual realizada a semana pasada, a asociación Red de Ciudades que Caminan, á que está adscrita o Concello da Coruña, púxoo como exemplo pola boa xestión que está levando a cabo na cidade con respecto á súa conversión a Coruña 30, antes de que a DXT implante esta velocidade de 30 Km/h como a máxima para circular en territorio urbano. O colectivo destaca que o Goberno local xa recuperou 50.000 m² de espazo público, que se pode transitar a pé, especialmente no eixe central e no bordo litoral de 12 Km lineais que ten a cidade, habilitando novos carrís para ciclistas e corredoras/es baixo a premisa de “un carril menos, unha beirarrúa máis”. Nesta reflexión en que A Coruña aparece como modelo, o concelleiro de Mobilidade, Juan Díaz Villoslada, sinalou que, ao ser un municipio de extensión reducida, a cidade alcanza só na súa primeira coroa metropolitana os 420.000 habitantes e que isto implica a entrada de 110.000 vehículos ao día. A intención do Goberno de Inés Rey é tratar de combinar as accións de pedagoxía social coas coercitivas e co redeseño dos espazos urbanos para reducir a velocidade. Con esa idea, Mobilidade marca como obxectivos cuestións como optimizar o sistema de carga e descarga e mellorar as contornas escolares e a accesibilidade, sobre todo pensando na poboación maior.