A rede de compostaxe doméstica de Sogama superará as 24.000 unidades

2 minutes read

Sogama vén de licitar, por preto de 240.000 euros, a subministración, almacenamento e distribución de 3.000 novos composteiros, cos que a súa rede de compostaxe doméstica superará as 24.000 unidades, repartidas en distintos puntos da Comunidade.

Con capacidade entre 360 e 400 litros, os recipientes deben estar fabricados con materiais reciclados e reciclables, contar cun sistema de baleas corredeiras e antivento, así como con illamento térmico e ventilación máxima. A maiores, deben ser lixeiros e fáciles de montar por parte dos usuarios, sen necesidade de ferramentas ou parafusos; con posibilidade de ser baleirados por calquera das caras. Tamén deben dispoñer do certificado de cumprimento da normativa europea.

Ademais do reparto dun composteiro, Sogama tamén realiza un curso de formación para explicarlles aos participantes voluntarios a técnica e asesoralos en aspectos, como onde localizar o compostador (nunha zona no exterior da vivenda e en contacto directo coa terra, para facilitar a entrada dos organismos), o control de parámetros que inflúen na compostaxe (o osíxeno, a temperatura ou a humidade), así como unha relación de refugallos que deben, e que non, depositarse no mesmo.

O obxectivo é que os usuarios obteñan un abono natural de alta calidade que cumpra con todos os requisitos esixidos na normativa vixente e que poida ser aplicado na agricultura e xardinería con garantías e sen restricións.

Ata este momento, Sogama repartiu xa, de forma gratuíta, máis de 21.100 composteiros entre 459 entidades (225 concellos, 201 centros educativos e 32 colectivos sociais), para promover a reciclaxe de materia orgánica en orixe e avanzar cara a un modelo de economía circular.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?