A Rede Galega de Teatros e Auditorios ten xa preparada a súa carteleira de espectáculos para o segundo semestre do curso, que desde o 15 de xullo levará 209 actuacións de teatro, danza, música, novo circo e maxia a 36 concellos de toda Galicia. Deste xeito e pese aos adiamentos e suspensións polo peche sanitario de primeiros de ano, serán máis de 500 as funcións desenvolvidas durante 2021 no seo deste circuíto cultural cofinanciado pola Xunta e as preto de 40 entidades locais asociadas, para o que se conta cun orzamento global superior aos 1,6 millóns de euros.
Este segundo período de programación implicará a contratación de preto de 100 formacións artísticas profesionais de moi diferentes xéneros e estilos. Moitas delas chegan a esta carteleira a raíz da súa asistencia á última edición do mercado Galicia Escena PRO, organizado conxuntamente pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a asociación Escena Galega e na que estiveron acreditados, así mesmo, os responsables dos principais de teatros, auditorios, salas e festivais escénicos galegos.