A rede municipal de centros sociais estenderase a todas as parroquias de Carballo

CEDIDA

  • O Concello inviste nestes momentos case 600.000 euros na construción dun novo edificio en Bértoa e na reforma integral da antiga escola de Lema

A rede municipal de centros sociais segue estendéndose e antes de que remate o mandato chegará a todas as parroquias de Carballo. Nestes momentos o concello está a realizar un investimento de case 600.000 euros en dous novos proxectos: a construción dun novo e moderno edificio en Bértoa e a reforma integral da antiga escola de Lema, que está xa preparada para que empecen as obras este mesmo luns, como puideron comprobar o alcalde, Evencio Ferrero; a concelleira Milagros Lantes e o concelleiro Juan Seoane nunha visita a ámbolos dous. Ademais, continúa avanzando a tramitación urbanística precisa para dotar dun centro social tamén á parroquia de Goiáns, na que, coma no resto dos casos, este tipo de actuacións responden á demanda da veciñanza e, sobre todo, do movemento asociativo.

As antigas escolas unitarias reconvertéronse en locais de uso veciñal na maioría das parroquias: Razo, Vilela, Artes, Entrecruces, Outón e Ramil de Rus ou Aldemunde. Sempre baixo a petición dos veciños.

Nestes momentos hai, ademais, edificios de nova construción ou totalmente rehabilitados nas parroquias de Oza, Cances, Ardaña, Sofán e Berdillo, ademais do de Imende, que presta servizo á veciñanza de Noicela e Rebordelos. En Sísamo, a veciñanza dispón dun edificio propio, pero moi limitado e de difícil acceso, polo que, dada a crecente actividade asociativa, está sobre a mesa o debate sobre unha posible ampliación ou a construción dun inmoble novo. E algo parecido pasa en Vilela.

Proxectos en marcha

A todos eles sumarase nos vindeiros meses o de Bértoa, un inmoble de nova planta que está a construír xa a empresa Desarrolla Obras y Servicios nunha parcela de 5.882 metros cadrados situada xunto á zona verde do parque empresarial de Bértoa. Será un edificio de 530 metros cadrados, divididos en dous volumes construídos baixo unha mesma cuberta, que se integrarán na contorna utilizando materiais coma a pedra, a madeira e o formigón visto, que ao mesmo tempo destacan pola súa durabilidade. Nun dos volumes crearase un auditorio de 107,8 metros cadrados, ademais de almacéns, aseo e hall. No outro, destinado á actividade diaria, haberá unha aula de informática, un salón social, unha oficina, aseos e hall. No exterior crearanse unha zona de barbacoa e un patio.

Mentres en Bértoa se traballa nos cimentos, en Lema xa está “desmantelada” a escola vella para que o luns comece a súa reconversión nun moderno edificio de uso social. Non será novo, pero case, porque só se conservan os muros exteriores. O centro social terá unha superficie en planta baixa de 148,80 metros cadrados útiles, nos que se acondicionarán unha zona de cociña e barra, un despacho, dous aseos, un salón de 80 metros cadrados e un almacén.

Con este tipo de actuacións o concello de Carballo quere poñer a disposición da veciñanza e do amplo e dinámico movemento asociativo que traballa nas parroquias espazos de encontro, reunión, formación e promoción cultural e deportiva.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha