A relación entre o PP e PSOE de Muxía volve tensarse polos presupostos municipais

Concello de Muxía

  • Mentres os populares piden data e consenso para tratar as inversións, os socialistas aseguran que xa se lles comunicara o día de negociación

A portavoz do Partido Popular de Muxía, Sandra Vilela, móstrase preocupada pola inexistencia dos presupostos municipais para este ano. Uns orzamentos que «o lóxico sería que estivesen aprobados antes de finalizar o ano 2021» polo que piden ao rexedor, Iago Toba, celeridade ao tempo que lle «tenden a man» para que saian adiante de xeito consensuado.

Por outra banda, Vilela insta ao alcalde, a través dun comunicado, a incluír nestes orzamentos a proposta de estabilización de persoal aprobada en xuño de 2020, co apoio do PP, que «cambia as condicións de 7 operarios de servizos múltiples, o animador e o monitor deportivo e os postos de varias operarias de limpeza». Os populares sinalan que estes traballadores levan agardando desde hai dous anos a que «ese acordo se cumpra e pasar a ter un contrato a xornada completa».

Sen embargo, desde o equipo de goberno socialista non entenden esta urxencia cando, segundo o alcalde, este martes se realizou unha rolda de chamadas para fixar unha comisión de negociación en relación aos orzamentos e inversións fixando como data o luns, 4 de abril. «Agora parece que ao PP éntranlle as présas por este tema, cando se entera que o grupo de goberno xa ten organizada unha mesa de negociación para o vindeiro luns», asegura Toba.

En canto ao plan de estabilización de persoal, desde a Executiva local non entenden esta actitude do PP cando «este goberno leva máis de ano e medio traballando por mellorar as condicións de traballo do funcionario de Muxía». Ademais, o alcalde tacha de hipócrita ao PP por pedir agora un plan de estabilización cando «primeiro tira por baixo plans de emprego e desprestixia a gran labor dos traballadores municipais».

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha