A Xunta adxudicou este martes o concurso de ideas convocado en colaboración co Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) para a remodelación interior do seu complexo administrativo central en San Caetano. Díaz y Díaz Arquitectos S.L.P. e MIBA Arquitects foron os gañadores dun proceso que agora continuará coa contratación da primeira fase dunhas obras, prevista para comezos do próximo ano, que terán “un orzamento máximo de 29 millóns de euros”, segundo confirma o Goberno galego. Esa contía virá a sumarse aos máis de 11 millóns de euros da rehabilitación exterior dos edificios do complexo. Ademais, a Xunta está a redactar o proxecto dun novo edificio veciño que ocupará o espazo da actual estación de autobuses de Santiago cando esta se traslade e que custará outros máis de 20 millóns.
Tras criticar durante o bipartito de PSdeG e BNG como suposto desbalde traballos parciais de mellora dalgunhas oficinas, entre elas a do presidente Touriño, por 4 millóns de euros, o actual Goberno galego está embarcado nun plan de reforma de San Caetano que multiplica varias veces aquela contía argumentando que mellorará as condicións de traballo do funcionariado e a atención á cidadanía.