A renovación do alumeado público en Vimianzo por 2,3 millóns de euros, cada vez máis preto

1 minutes read
  • O goberno local catalogou este proxecto como «un dos máis ambiciosos de todas a lexislatura»

O Concello de Vimianzo dá un paso máis para poder renovar as instalacións de alumeado e sinalizacións exteriores de todo o municipio cun proxecto que ascende a 2,3 millóns de euros, e que está subvencionado polo Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía (IDAE). A entidade aportará o 80% do orzamento e o Concello o 20% restante, un total de 472.473,70 euros logo de aprobarse no pleno de febreiro unha modificación de crédito destinada, entre outros puntos, a este plan. Trátase, en palabras do goberno local, dun dos “proxectos máis ambiciosos de toda a lexislatura».

O Concello xa conseguiu os derradeiros informes sectoriais para iniciar o proceso de licitación, e tan só falta a aprobación por parte do Pleno. Conseguirase así un aforro de máis do 50% para as arcas municipais no que respecta á facturación deste servizo, implementándose a tecnoloxía LED, máis eficiente e con menor impacto ambiental.

A alcaldesa, Mónica Rodríguez, sinalou que isto “suporá un antes e un despois na nosa factura e, polo tanto, na de toda a veciñanza; ademais de significar un cambio radical na mellora lumínica e, vencellado a isto, da seguridade viaria nas 14 parroquias de Vimianzo”.

Renovación de 4010 puntos de luz
Este proxecto implicará a renovación de 4010 puntos de luz nos 133 lugares do municipio. Realizarase unha intervención por fases ata completar os espazos nos que exista alumeado público.