- O Concello tamén foi informado de que Augas de Galicia realizará traballos de conservación no dominio público do río Bouzas
As obras de reparación do tellado do Punto de Atención Continuada-PAC de Ponteceso comezarán en breve. Así o manifestou esta fin de semana o xerente da área sanitaria de A Coruña e Cee, Luis Verde Remeseiro, nunha reunión que mantivo co alcalde da localidade, Lois García Carballido. Durante estas actuacións a atención médica do PAC realizarase na zona de día do centro médico.
Por outra banda, o Concello de Ponteceso vén de ser informado de que Augas de Galicia realizará tarefas de conservación e mantemento do dominio público hidráulico no río Bouzas. Os traballos, que se levarán a cabo no tramo interurbano dos ramais ao río Ponteceso e ao Anllóns ao seu paso polas parroquias de Tella e Cospindo, consistirán na retirada árbores e pólas caídas na canle, así como madeira morta existente. Tamén está prevista a roza selectiva de maleza naqueles puntos susceptibles de reter material e formar atoamentos.