A Revolta – A Factoría – Diva Dance | O que foi, o que é e o que será


  • A instalación de diferentes firmas comerciais será unha realidade na zona en cuestión de poucos meses.

O que foi o epicentro da diversión na capital de Bergantiños durante décadas, desmoronase aos poucos ante a impasividade duns, a resignación e nostalxia doutros moitos.

O proxecto de construción da Sala de Festas A Revolta foi realizado a mediados da década dos 70 polo arquitecto carballés, José Manuel Rey Pichel, o cal sería socio da mesma durante máis de 30 anos, e que ao mesmo tempo tamén creou os proxectos dos edificios do actual Concello e da Igrexa principal de Carballo. Construcións nas que predominaba o formigón a cara vista no seu estado natural.

A Rey Pichel acompañábanlle na sociedade Sala de Festas Bergantiños, Gonzalo, Pablo, Paco, Pepe Mato, Pepe Calvo, Baldomero, Julio, Alfredo, José Añón, Jaime e Manolo.

Tras a súa inauguración o 24 de febreiro de 1976 baixo o nome de Sala de Festas A Revolta, infinidade de artistas de primeiro nivel, grupos e orquestras encheron moitos sábados e domingos pola noite de alegría e diversión a varias xeracións de mozos e non tan mozos chegados de toda a comarca e arredores. Pero ademais non hai que esquecerse do que chegou a ser o prato forte da sala “o baile infantil” dos domingos pola tarde. Unha sesión de cinco horas de música disco de todos os estilos, que comezou cautivando aos máis novos e perdurou no tempo acollendo a público de todas as idades.

Un mito creara un inconveniente engadido á época, e é que algunha “señora” era remisa a que as súas mozas levasen minisaia, afirmando que non lles facía graza o efecto espello da pista de aceiro inoxidable.

A sala sufriu unha importante reconversión interior no ano 1986, cabina de dj colgada, barras de neón e luces de cores programables adaptárona aos tempos do rexurdir das grandes discotecas. Tamén pasou de moda e tivo que reinventarse.

Dez anos máis tarde renovaríase a fachada, os servizos comúns, o tellado e a pintura. Pero foi en xaneiro de 1997 cando se levou a cabo a maior remodelación interior do macro espazo de lecer. Un proxecto paralelo á construción dunha discoteca nova, a “Luna Mora” no porto olímpico de Barcelona, derivou en contactos internos co estudo da prestixiosa firma Interdec, para plasmar no interior da Revolta unha decoración futurista coa tecnoloxía audiovisual máis punteira. Vídeo-xeradores, robótica intelixente, fibra óptica -un gran equipo humano de máis de 50 persoas- e un investimento próximo aos 100 millóns de pesetas da época, romperon todos os moldes no visual e práctico aplicado ao lecer nocturno desde o 13 de xuño de 1997 ata finais o ano 2001.

O concepto denominado A Factoría, (que puido ser a fábrica, a paixón ou a clave), pero decidiuse o primeiro, chegou a fidelizar a tal cantidade de público que mesmo se bateu o récord de asistencia á disco a unha sesión o domingo, foi o 31 de outubro de 1.999, día no que foron vendidas 5.250 entradas. O auxe do momento da sala e que ao día seguinte era luns festivo, contribuíu sen dúbida a xerar ese pico de asistencia para a historia. Aínda que a esencia dos 70 mantíñase nunha disco cativa na planta baixa.

A partir de aí, xa estaba todo inventado, comezáronse a realizar reformas parecidas noutras salas da provincia, tamén en moitos pubs, pero xa nada sería o mesmo, nin sequera a súa reconversión en “Diva Dance” tra ser alugada por un empresario do Porriño.

O que é e non pouco curioso é que 20 anos despois, o local segue xerando diñeiro, a ritmo de 3 euros o quilo de metal e 0,20 o de ferro, cristal ou chatarra. Tras os meses fortes da pandemia, a actividade no interior é frenética, no que vai de ano, moitas toneladas de metais saen á semana do inmoble, tendo en conta que a metade da obra estaba realizada en estrutura metálica, tanto a suxeición do falso teito como a do tellado de uralita. Estrutura de soportes de vídeo, luz e son, condutos do aire acondicionado e extracción, barras fixas, pista de baile etc. están a ser desmontadas á luz do día, xerando unha media de 250 euros brutos cada xornada en materiais de metal de todo tipo, uns máis prezados que outros. A este paso prevese que quedará soamente en pé a zona de “non pista” de baile, dado que as súas placas e a estrutura son de formigón.

O que será será, dicía a canción de Alaska ou de Shakira. O que está claro é que ningunha das dúas volverán actuar no escenario do “templo da movida”. Noivas si hai e máis temperán que tarde saberemos o que será.