Estradas e vías férreas cortadas, tráfico perturbado, paros e protestas marcaron a novena xornada de mobilización nacional en Francia contra a reforma das pensións. Os bloqueos de estradas comezaban xa de madrugada, poucas horas despois de que o presidente francés, Emmanuel Macron, asegurase estar listo para aceptar a impopularidade do seu proxecto, que espera implementar a partir do último trimestre de 2023. O punto máis polémico, o atraso da idade mínima de xubilación dos 62 aos 64 anos. Tamén hai decenas de institutos e universidades bloqueados nas grandes cidades. En Nantes e Rennes producíronse choques entre manifestantes e policías, que utilizaron gases lacrimóxenos e canóns de auga. Desde Marsella, o líder de esquerda Jean-Luc Mélenchon, defendeu o dereito á folga e á manifestación. A mobilización volveu a levar o caos aos transportes, con redución de servizos e bloqueos. Como ocorreu na Gare de Lyon de París, unha das principais estacións de tren da capital francesa.
41