- Tras o éxito acadado en Lisboa, a Ría de Muros Noia dá a coñecer este destino turístico en Valladolid
Valladolid foi o lugar escollido para a presentación do destino turístico Ría de Muros Noia ao público de Castela e León. Un acto no que se promocionou a campaña “A paisaxe humana máis fermosa”, unha recompilación de fotografías que poñen o foco nas persoas e que recollen o carácter especial das persoas que viven na comarca. “Presentamos a Ría e as súas xentes como un destino moi próximo, que mesmo acompaña aos visitantes”, explica José Antonio Marcote, responsable de Comunicación na Ría de Muros Noia, que estivo á fronte desta presentación.
A presentación incluíu a proxección dos vídeos “As rías galegas tal como eran” e “Ría de Muros Noia, sostible por natureza”, que incrementaron o interese dos presentes nun destino turístico cunha gran riqueza gastronómica, cultural, paisaxística e patrimonial pero que sabe manterse á marxe da tradicional sobrexplotación do turismo costeiro. “Un exemplo dese interese é a nosa peculiar oferta hostaleira, que se alonxa das grandes aglomeracións na busca da excelencia no trato duns seus establecementos de calidade e cun número reducido de habitacións”, apunta Marcote.
De feito, esta peculiaridade, canda a gastronomía e o Camiño de Santiago, foron os tres eixos que concentraron o interese dos medios de comunicación reunidos en Valladolid. Esta presentación en Valladolid dá continuidade ao traballo realizado a pasada semana en Turexpo Galicia, en Silleda, onde se presentou a campaña “A paisaxe humana máis fermosa” e retoma as presentacións da Ría de Muros Noia despois da exitosa realizada o pasado mes de abril en Lisboa (Portugal).