A Ría de Muros e Noia mobilízase o sábado contra a mina de San Finx e alerta “sobre a insolvencia financeira da empresa australiana”. Demandan que a Xunta revoque a autorización de vertidos por vulneración do condicionado de ter finalizadas as obras en catro meses e alertan sobre a insolvencia da empresa mineira australiana.
Todos os sectores da ría de Muros e Noia volverán mobilizarse contra o vertido da mina de San Finx. Non faltarán a hostalería e as mariscadoras de Muros, que volverán participar este sábado na nova mobilización encabezada polas cofradías. Unha manifestación que demanda que “a Xunta revoque a autorización de vertidos concedida á mineira australiana a comezos do ano, logo de que se incumprise o condicionante de ter finalizadas as obras en catro meses”, afirmou Joám Evans.
A Plataforma alerta que a propia empresa “recoñeceu que non dispón de financiamento para acometer as obras e, de feito, a súa cotización está a mínimos históricos, cun valor de apenas 1 céntimo por acción”. Nestas circunstancias, consideran temerario que a Xunta manteña a vixencia da autorización, sendo evidente que a empresa “non dispón de medios nin
solvencia para asumir as responsabilidades multimillonarias que implicaría a contaminación con metais pesados dos bancos de marisqueo”.
Por iso, anuncian unha multitudinaria mobilización de protesta para o sábado 8 de xullo, escollendo desta vez como escenario as propias Minas de San Finx, en Lousame, onde se concentrarán ás 11 da mañá e cara onde partirán varios autobuses desde a estación de Noia media hora antes, ás 10:30.