A Ribeira Sacra acollerá o 11 e 12 de decembro o Foro Territorios Patrimonio

1 minutes read

O Foro Territorios Patrimonio é un evento de carácter internacional que un ano máis reúne na Ribeira Sacra ás voces máis interesantes do momento en cuestións como patrimonio, turismo sostible e futuro vitivinícola. Un programa completo de conferencias, mesas redondas e actividades dirixidas a profesionais da cultura e o turismo, así como tamén a un público xeral con interese en profundar nos retos e oportunidades da Ribeira Sacra nunha contorna internacional.

O quinto Foro Territorios Patrimonio terá como pano de fondo algunhas das cuestións que máis van marcar o devir dunha zona candidata a Patrimonio da Humanidade desde un punto de vista turístico, ambiental, vinícola, gastronómico, patrimonial, de experiencias, de sustentabilidade e de futuro.

Búscase trazar cuestións que axuden aos actores e sectores da zona para expor as súas estratexias de traballo nun medio-longo prazo, contribuír a xerar lazos de colaboración con outros territorios da humanidade, atraer outros puntos de vista e maneiras de traballar e establecer sinerxias de presente e futuro, como xa se fai desde a orixe deste foro.