A Ribeira Sacra, candidata a reserva da biosfera

1 minutes read

A candidatura a reserva da biosfera da Ribeira Sacra e serras do Oribio e Courel acaba de superar o último trámite para poder someterse o próximo ano ao ditame definitivo da Unesco. Así o anunciou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, pouco despois de que lle comunicaran que o Comité Español do Programa Home e Biosfera (MaB) acababa de darlle o visto bo por unanimidade ao expediente remitido pola Xunta hai un ano.

Deste xeito, a candidatura completa a súa tramitación en España e está lista para ser remitida á Unesco, que deberá pronunciarse en última instancia sobre a declaración definitiva o ano que vén.

A Ribeira Sacra será o único espazo en todo o país que opte a converterse en reserva da biosfera en 2021, xa que, o resto das propostas non superaron o ditame do Comité, órgano consultivo responsable de avaliar as candidaturas e deliberar sobre cales merecen seguir a tramitación.