A Rúa contará cun novo centro de saúde que costará máis de dous millóns de euros

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, efectuou unha visita ao Concello da Rúa na que informou ao seu alcalde, Álvaro Fernández, e ao persoal do centro de saúde, dos avances nos trámites para a construción do novo centro de saúde desta localidade, un inmoble no que a Xunta de Galicia prevé investir máis de dous millóns de euros. Dados os importantes avances na adquisición e urbanización da parcela efectuados polo Concello de A Rúa coa colaboración da Deputación de Ourense, a Xunta ten iniciado xa os trámites de contratación da infraestrutura.

Así, a finais de decembro o Sergas formalizou una encomenda de xestión á Axencia Galega de Infraestruturas, habilitando a este organismo dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a executar as actuacións para a redacción do proxecto e a execución das obras de construción do novo centro de saúde da Rúa

Desde entón, a Axencia Galega de Infraestruturas avanzou na elaboración dos pregos administrativos de contratación do proxecto básico e de execución do centro de saúde, que se contratará conxuntamente co servizo de dirección da futura obra. Unha vez estes pregos reciban os informes preceptivos da asesoría xurídica e da intervención, ao longo das vindeiras semanas a Xunta poderá sacar a licitación este contrato cun orzamento de máis de 160.000 euros, abrindo un prazo de presentación de ofertas para as empresas interesadas en realizar unha proposta arquitectónica global do edificio e da urbanización da súa parcela.

O contrato esixirá que un equipo técnico formado, entre outras, por persoas especialistas en arquitectura, enxeñería industrial e estruturas realicen un deseño cun modelado en tres dimensións que permita diminuír o tempo e recursos e facer máis eficiente a xestión da construción. Este proxecto deberá axustarse ás características do centro proxectado, un inmoble de máis de 1.200 metros cadrados e cuxa obra deberá axustarse a un investimento de aproximadamente 2,15 millóns de euros.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha