A rúa Palomar estreará iluminación intelixente


A coruñesa rúa Palomar estreará nas próximas semanas un novo sistema de iluminación intelixente. O Concello da Coruña iniciou as obras para repoñer a instalación de puntos de luz nesta zona, co obxecto de mellorar o seu nivel de iluminación tanto na estrada como nas beirarrúas, e reducir e converter en máis eficiente o consumo enerxético. Desde a Concellería de Infraestruturas, explican que, con esta actuación, tamén se logrará minimizar a contaminación lumínica e a luz intrusa causada pola iluminación pública. A instalación conta cun novidoso sistema de regulación dinámica nos pasos peonís que, ao detectar a/o peoa/peón que quere cruzar, activa o balizamento vertical incluído na columna para chamar a atención da/do condutora/o e acende a iluminación sobre o paso peonil que, até ese momento permanece apagada ou con moi baixo nivel lumínico. Deste xeito, ao cruzaren, as/os peóns son perfectamente visibles para a/o condutora/o e poden atravesar a rúa cruzando en condicións de visibilidade e seguridade.