- Trece establecementos ofrecerán almorzos, tapas ou ceas exclusivas durante as fins de semana de outubro, coincidindo co Festival Internacional Outono de Teatro.
Do mesmo xeito que o FIOT se reinventa en cada edición para seguir medrando en cantidade e calidade, iniciativas que foron xurdindo ao seu redor tamén tratan de captar e sorprender ao público con novas fórmulas. Deste xeito, a xa consolidada ruta gastronómica Dálle un bocado ao FIOT, promovida pola Concellaría de Promoción Económica, dá tamén un paso máis para seguir incrementando a súa oferta. E, así, ademais dos tradicionais almorzos e as tapas, este ano tamén teremos a oportunidade de desfrutar de ceas exclusivas durante as fines de semana do mes de outubro.
De venres a domingo, o teatro alimentará o espírito e tamén o corpo grazas á colaboración e á implicación de 13 establecementos de hostalaría carballeses. “Xa que temos un dos festivais máis prestixiosos do Estado, dende a Concellaría de Promoción Económica consideramos importante implicar á hostalaría para que o FIOT sexa beneficioso para a economía local tamén a través do sector hostaleiro”, comentou o concelleiro Xosé Regueira na presentación da iniciativa.
Na mesma liña, o alcalde, Evencio Ferrero, destacou a importancia de que “a marca Carballo teña todos os reforzos posibles”, e Dálle un bocado ao FIOT é “un complemento máis, porque do que se trata é de que todo Carballo desfrute do festival e de que sexamos un referente estatal. Adherirse a este programa tamén é unha maneira de facer Carballo, e neste obxectivo todas e todos somos necesarios”, asegurou.
Onde e cando
A ruta Dálle un bocado ao FIOT celebrarase todos os venres, sábados e domingos de outubro.
- Almorzos: Os locais que ofrecerán almorzos especiais a 3 euros serán Valle-Inclán Café e Ummm! Xeados, en horario de 09.00 a 12.00.
- Tapas: de 20.00 a 23.00 horas poderemos degustar tapas moi teatrais, a 2 euros, en Taberna O Mexillón, Oito Bar, Cafetería Pazo da Cultura, Vinoteca Ánfora, Restaurante A Esmorga, A Tapería e A Barra Bar.
- Ceas: e este ano, ademais, haberá ceas de 22.00 a 24.00 horas en distintos restaurantes: Pementa Rosa (días 12 e 25), Río Sil (días 4 e 18), Oasis (días 13, 19 e 27), A Esmorga (días 5, 11 e 26) e Vesuvio (días 6 e 20). O prezo de cada menú será diferente e en todos os casos será preciso reservar previamente.
Dálle un bocado ao FIOT tamén inclúe animación teatral polos establecementos participantes a cargo da compañía Galeatro, e, como xa é habitual, sortearemos una experiencia FIOT consistente en entradas para unha función do ano 2020 con cea, aloxamento e almorzo, todo para dúas persoas. Este luns realizouse o sorteo correspondente ao ano pasado e a afortunada foi María Luísa López Losada.