A saída ao mercado da IXP Pan Galego non contempla ningunha panadería de Carballo

2 minutes read
  • Cando menos, parece chamativo que en Carballo, terra de panadeiros por excelencia, non se contemple ningunha panadería para ofrecer este produto, a máis próxima estará en Coristanco.
  • O pan dispoñible nos puntos de venda das 14 panadarías xa inscritas na IXP irá envasado e identificado cunha etiqueta numerada na que figurará o logotipo de Pan Galego.

A Xunta anunciou que o vindeiro mércores 9 de marzo comezarán a venderse as primeiras pezas baixo a indicación xeográfica protexida (IXP) Pan Galego nun total de 44 establecementos de 14 panadarías, repartidos por toda a comunidade. O acto central desta saída oficial ao mercado terá lugar ese mesmo día no muíño de Cuíña de Lalín. O obxectivo final é poñer en valor a IXP que persegue protexer o pan de trigo elaborado de xeito tradicional en Galicia.

Nesa liña, cabe sinalar que as 14 panaderías inscritas que poderán comercializar o produto nun total de 44 puntos de venda dende o próximo 9 de marzo superaron todos os controis previos, garantía do cumprimento dos requisitos establecidos no prego de condicións para a elaboración de Pan Galego. Así, distribuirán o produto envasado e identificado cunha etiqueta numerada na que figurará o logotipo da indicación xeográfica protexida, asegurando a súa trazabilidade en todo momento.
En concreto, as panadarías autorizadas están emprazadas nas localidades coruñesas de Carral, Oleiros, Curtis, Cerceda, Mesía e Coristanco, así como na cidade de Lugo e no concello lucense de Palas de Rei. Na provincia de Pontevedra, localízanse en Vigo e nos municipios de Vilanova de Arousa e A Estrada, mentres en Ourense se atopan en Allariz e en San Cristovo de Cea.
Con todo, cómpre engadir que na actualidade se seguen a tramitar máis solicitudes recibidas para inscribirse no rexistro do Consello Regulador, polo que en breve aumentará o número de panadarías e puntos de venda autorizados a distribuír Pan Galego con todas as garantías para os consumidores. Así mesmo, mantense aberto o prazo para que se rexistren na IXP tanto os produtores de trigo autóctono, como os muíños e panadarías interesados en acollerse a este novo selo de calidade.