A saída da vía dun microbús en Muxía deixa tres persoas feridas

Protección Civil de Muxía.

Tres persoas resultaron feridas de diferente consideración no quilómetro 9 da AC-440, que enlaza Berdoias con Muxía, á altura de Vilar de Sobremonte, na parroquia de San Martiño de Ozón, tras saírse da vía o microbús no que viaxaban na compaña doutras oito persoas. Un particular contactou co 112 Galicia para dar conta do sinistro. Acto seguido, os xestores do CIAE 112 Galicia pasaron o aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, á Garda Civil de Tráfico e á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Muxía. Ademais, desde o 112 Galicia informouse dos feitos aos Bombeiros de Cee. Os feridos foron trasladados ao Hospital Virxe da Xunqueira de Cee, aínda que, dentro do malo, non se teme pola súa vida.