A saída de vía dun camión na AC-552, en Cabana, deixa un ferido

1 minutes read
  • O vehículo envorcou sobre as 15:00 horas deste luns no punto quilométrico 45 e a vítima foi trasladada ao CHUAC

O condutor dun camión resultou ferido na tarde deste luns tras envorcar o vehículo na AC-552, en concreto no punto quilométrico 45, ao seu paso polo concello de Cabana de Bergantiños.

O aviso do sinistro produciuse sobre as 15:00 horas. O CIAE 112 poñía en alerta aos bombeiros de Carballo do envorco dun camión do que se descoñecía a carga e cuxo condutor non estaba atrapado. Ao chegar ao lugar, os efectivos de emerxencias agardaron coa vítima polos servizos sanitarios, xa que o home presentaba varios traumatismos na cabeza. Finalmente foi trasladado en ambulancia ao CHUAC.

Os bombeiros procederon ademais a cortar as baterías do camión, que transportaba vigas metálicas, e que tivo que ser retirado por guindastres. Ata o lugar dos feitos tamén se desprazaron axentes da Garda Civil e persoal de conservación de estradas.