Pasadas as dez a mañá deste luns o 112 Galicia recibiu a chamada dunha persoa, que solicitaba asistencia urxente tras envorcar a súa embarcación nunha zona coñecida como A Basoña, en Porto do Son. Indicaba que eran tres tripulantes, que se mantiñan agarrados no casco da lancha, e requirían axuda o antes posible.
Con esta información, os xestores do Centro de Atención ás Emerxencias de Galicia activaron os protocolos correspondentes para a mobilización dos recursos necesarios, neste caso, Salvamento Marítimo e Servizo de Gardacostas de Galicia. Tamén contactouse cos axentes da Policía Local e a Garda Civil e os servizos médicos de urxencias quedaron pendentes por se finalmente era necesaria a intervención. Sen embargo, o bo estado dos afectados descartou este recurso, e os tres tripulantes foron trasladados sen lesións ao peirao.
No seu traslado participaron o helicóptero Helimer e a Salvamar Regulus. Esta última embarcación de salvamento ocupouse tanto do rescate de dous dos tripulantes (o terceiro foi na aeronave) como do remolque da lancha danada.