A Sanidade galega será a primeira do mundo que incorpore ao seu calendario vacinal a inmunización fronte ao virus respiratorio sincitial (VRS). Segundo estudos clínicos, este virus infecta ao 90% dos bebés menores de dous anos e causa bronquiolites e pneumonías que están na orixe de 1000 hospitalizacións (cunha estadía media de 6 días) e de máis de 10.000 consultas pediátricas cada ano en Galicia.
Tal e como publicou o New England Journal of Medicine, este anticorpo monoclonal fronte ao VRS evita en torno ao 80% das asistencias médicas relacionadas co virus e das hospitalizacións infantís causadas por bronquiolites ou neumonías. Anunciouno este mércores o presidente da Xunta, Alfonso Rueda.
“Neste inverno, particularmente complexo, comprobamos o impacto que o VRS pode ter nos lactantes, unha poboación na que practicamente se duplicaron as hospitalizacións causadas por este virus”, indicou o presidente Rueda. Á luz desas cifras, baseándose nas recomendacións dos técnicos da Consellería de Sanidade e do comité asesor de vacinas do Sergas e co aval da Asociación Española de Pediatría, comezouse a traballar na adquisición desta vacina desde o primeiro momento no que foi aprobada pola Axencia Europea do Medicamento.
A adquisición desta nova vacina será licitada nas vindeiras semanas pola Dirección Xeral de Saúde Pública. Comezará a dispensarse no outono deste mesmo ano, antes da época con maior impacto do virus respiratorio sincitial.