A SEA mellorará a imaxe do polígono de Cee

A xerente de SEA (Suelo Empresarial del Atlántico), Beatriz Sestayo, na súa visita ao polígono de Cee, avanzou que se iniciará de inmediato o proceso para a limpeza e mellora da área empresarial. Sestayo avoga pola “interlocución” entre administracións para aproveitar a localización estratéxica do parque, próximo ao porto de Brens. Sestayo, avanzou que a entidade, dependente do Ministerio de Fomento, “mellorará a imaxe” do polígono industrial de Cee e fomentará a súa dinamización empresarial, ademais de impulsar a coordinación con outros organismos e institucións.

Sestayo realizou unha visita ao Concello de Cee e ao parque empresarial, acompañada da alcaldesa, Margarita Lamela e dos concelleiros do goberno local Rubén Villar, Emilia Trillo e Juanma Buiturón, xunto co responsable comercial da SEA, José Rey. Sestayo transmitiu o seu interese por impulsar unha área empresarial cunha superficie bruta de 201.782 metros cadrados. Como primeira medida, anunciou que se iniciarán de inmediato “os proxectos de contratación que procedan para a limpeza e mellora” das parcelas dispoñibles e competencia de SEA. En segundo lugar, a xerente de Suelo Empresarial del Atlántico comprometeuse a impulsar a promoción e difusión do parque empresa- rial” e a manter entrevistas coas empresas que xa mostraron o seu interese ao concello por instalarse no polígono. En paralelo, a xerente da SEA impulsará a “interlocución con outras administracións” como a Xunta de Galicia e Portos de Galicia dado a existencia dun “porto enormemente competitivo” en Cee, como é o de Brens, co obxectivo de que “os organismos competentes esteamos relacionados e podamos impulsar este polígono”.

Pola súa banda, a alcaldesa de Cee, Margarita Lamela, agradeceu o “compromiso” da xerente de SEA para impulsar un polígono cunha “situación estratéxica pola súa proximidade co porto de Brens” e por “comprender a situación da Costa da Morte e a necesidade de darlle un impulso empresarial”. “O diálogo vai ser constante”, remarcou. Suelo Empresarial del Atlántico ten como obxectivo o desenvolvemento e comercialización de parques empresariais en Galicia. A Sociedade está participada nun 83,44% polo Ministerio de Fomento, a través de Sepes; nun 14,26% pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo; nun 1,65% por ABANCA e nun 0,65% pola Xunta de Galicia.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha