Os Bolechas, elixidos pola Xunta para promover a igualdade na infancia

1 minutes read
  • Na presentación participaron máis dun centenar de nenas e nenos do CEIP Pío XII

A Cidade da Cultura de Galicia acolleu a presentación da campaña ‘Os Bolechas pola igualdade’ elaborada pola Secretaría Xeral da Igualdade da Vicepresidencia da Xunta de Galicia, para promover a igualdade e a prevención da violencia de xénero entre a poboación infantil. “Trátase de conseguir un mundo máis xusto e igualitario onde as nenas e os nenos aprendan que teñen os mesmos dereitos e oportunidades”, explicou a secretaria xeral da Igualdade Susana López Abella.

Xunto con ela estivo no acto a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar. Ambas as dúas aproveitaron a presentación da campaña  para felicitar a toda comunidade escolar do CEIP Pío XII de Santiago de Compostela por ter gañado o primeiro premio do concurso de carteis do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, convocado pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa e a Secretaría Xeral da Igualdade. De aí a elección deste colexio para participar na presentación da campaña protagonizada polos Bolechas, que tampouco quixeron perderse o acto.

A Secretaria Xeral da Igualdade decidiu apostar por un libro onde os integrantes da familia dos Bolechas se educan en igualdade e dentro da diversidade. O conto inclúe tamén unha serie de conceptos básicos para que escolares, profesorado e familias contribúan a fomentar a educación en igualdade e eliminar estereotipos de xénero.

Ademais do conto, o material inclúe unha unidade didáctica para traballar nas aulas de infantil e primaria que contén un amplo abano de actividades, xogos, exercicios e tarefas para traballar os contidos reflectidos no libro, ademais dun ‘Dicionario básico da igualdade’ de grande axuda para explicarlle á cativada conceptos esenciais.