A sede da Asociación Vieiro volve á ubicación da rúa Xasmins en Carballo

2 minutes read

Despois de estar a prestar durante varios meses os seus servizos na rúa Alfredo Brañas, na antiga escola de titularidade municipal, unha vez acabadas as obras de mellora da cuberta por parte do concello e a instalación de servizos de comunicación e material informático por parte de Vieiro, nas dependencias da rúa Xasmins, retómase a actividade presencial nos horarios habituais de 9.30 a 13.30 e de 16.00 a 18.00 horas.

Vieiro continúa ofertando os seus servizos habituais para seguir apoiando tanto ás persoas con algún tipo de adicción, como ás súas familias.

Servizo de atención e información tanto ás persoas que presentan calquera tipo de adicción con ou sen substancia, como ás súas familias facilitando asesoramento sobre calquera aspecto relacionado cos problemas derivados de condutas adictivas.

Servizo de orientación a familias con fillos/as con conflitos ou dificultades na súa relación a través do cal se presta apoio a pais/nais con fillos/as que atravesan unha situación conflitiva nas relacións filio parentais e nas que se detectan problemas precoces e persistentes da conduta nun momento determinado.

Desde a entidade oriéntase sobre estratexias psicoeducativas de actuación familiar para a prevención e o manexo de condutas de risco informando sobre as habilidades e actitudes de manexo de conduta máis adecuada para afrontar situacións problemáticas.

Servizo de axuda xurídica ao toxicómano/a e familias. Dirixido a drogodependentes con problemas legais pendentes e ás persoas cunha contorna relacionada coas condutas adictivas (familia e amigos/as do afectado/a…). Proporcionan información e orientación sobre procesos xudiciais e/ou asesoramento técnico a xuíces e fiscais, establecemos coordinación con avogados/as, forenses, rede asistencial de drogodependencias, persoas que interveñan no proceso xudicial e equipos médicos e asistenciais das institucións penais.

A Asociación Vieiro continúa levando a cabo o seu labor preventivo a través da programación que a entidade oferta a distintos ámbitos e colectivos: escolar, comunitario, laboral, xuvenil e familiar.

Para calquera tipo de consulta, información ou asesoramento, a Asociación Vieiro segue ao servizo da sociedade a través de:

A atención presencial.
Vía telefónica no número: 981756161.
Por medio do servizo de whatsapp: Vieiro en liña: 604075815.
Na páxina web vieiro.org.
Por medio do correo electrónico: vieiro@vieiro.org
A través das redes sociais da entidade.