A seguridade de Carballo en dúbida | Queiman outro vehículo na madrugada deste sábado


O control da seguridade na capital de Bergantiños é cada día máis cuestionable. Aos delincuentes e amigos do alleo sérvelles de todo e as forzas da orde vense desbordadas. A diversidade dos delitos cometidos é variado, dando fe de que non é algo illado nin obra dunha soa persoa. Non hai un perfil actuante nin sobre o modus operandi, tampouco sobre as propiedades alleas nas que actúan.

Nos últimos días arderon contedores de lixo, dous coches, entraron a roubar en varias vivendas, comercios, cafeterías, máquinas expendedoras e turismos. Chama especialmente a atención o ensañamento coa cafetería da estación de autobuses, a que saquearon sete veces nos últimos cincos meses.

Os últimos actos denunciados foron o roubo, este venres, dunha furgoneta Citroën Berlingo na avenida Milagrosa e a queima dun novo turismo, un Volkswagen Golf que se atopaba estacionado sobre as tres da madrugada deste sábado no aparcamento da rúa Pontevedra. O incendio afectou tamén a outros dous turismos aparcados nas inmediacións. Investígase se detrás destes incendios poida estar a eliminación de pegadas tras un posible roubo, unha táctica moi empregada por bandas da zona na década dos 90.

Veciños e comerciantes levan tempo denunciando unha falta de seguridade alarmante e falan dunha situación desesperada. Esixen máis vixilancia policial e máis contundencia xudicial para tratar de cortar esta sangría.