A seguridade do porto de Malpica volve ao Parlamento da man do BNG

1 minutes read
  • Os nacionalistas demandan coñecer a fase na que se atopa o proxecto de seguridade que, segundo Portos de Galicia, en febreiro deste ano estaba na súa fase final

O deputado do BNG por Bergantiños, Daniel Pérez, defenderá este martes no Parlamento unha serie de propostas relacionadas coa seguridade no porto de Malpica. As condicións da dársena do porto foron certamente complicadas dende a súa construción no ano 1955, condicións que «non melloraron coa instalación das comportas no 1969» nin coas «as reformas posteriores», sinalan os nacionalistas.

Pérez afirma que os problemas céntranse na comporta de acceso que, cando está aberta, reflicte nos muros verticais a enerxía da ondada provocando correntes e remuíños no interior da dársena. A este problema hai que «sumarlle a velocidade da auga dentro do canal, o que dificulta enormemente a calquera embarcación que transite por el realizar calquera tipo de manobra, e complica moito as operacións de entrada e saída da dársena» chegando a «poñer en perigo a integridade física dos mariñeiros». O deputado lembra así o accidente do Silvosa, acontecido no 2018, no que perdeu a vida o seu patrón. Tras este incidente a Consellería do Mar anunciara medidas para paliar o risco que supón a dársena como estudos específicos sobre as ondadas no interior do porto para mellorar a operatividade do mesmo.

En febreiro deste ano, Portos de Galicia informaba que o proxecto de mellora de seguridade da dársena de Malpica se atopaba na súa fase final pero «a día de hoxe, sete meses despois, descoñecemos en que fase se atopa ese proxecto», afirma Daniel Pérez.